OBXECTIVO:
Potenciar a visibilización da contribución do movemento cooperativo e a economía social en Galiza para contribuír a facer máis atractivo o emprendemento no sector agrario mediante estas empresas, e particularmente entre as mulleres e a xuventude.
RESUMO DO PROXECTO:
Trátase dunha acción conxunta AGACA-SAVES (Uvigo) de promoción e visualización que ten por obxectivo o impulso do cooperativismo nos sectores do emprego máis debilitados, como son a mocidade e as mulleres, especialmente nas áreas rurais. O proxecto contempla a realización de varios informes que analizarán a situación do cooperativismo no sector agroalimentario galego para que, partindo dos resultados resultados obtidos, dende AGACA se poidan implementar as actividades e accións de mellora dirixidas á dirección e ao persoal das cooperativas, e ao persoal técnico da propia AGACA encargado de titorizar novos e antigos proxectos.
Ademais, desenvolverase a ferramenta SAVES Agro, que permitirá que as entidades cooperativas do sector agroalimentario, tanto as xa constituídas coma as de nova creación, poidan comparar a súa información en relación a unha serie de indicadores coa doutros grupos de referencia, formados por cooperativas con características similares ás súas, de maneira que obteñan unha diagnose que lles permita extraer conclusións sobre a súa estrutura e funcionamento de utilidade para a toma de decisións empresariais.
A QUEN VAI DIRIXIDO:
O público obxectivo deste proxecto son, principalmente, as cooperativas do sector agroalimentario, as xestorías que teñen entre a súa clientela a este tipo de cooperativas, e as persoas emprendedoras que estean pensando en iniciar un negocio neste sector mediante a fórmula cooperativa.