¡Hola! Utilizamos cookies propias y de terceros para analizar el uso de esta web y mejorar tu experiencia de navegación. Al continuar navegando entendemos que aceptas nuestra política de cookies.    Más información - Aceptar.
Etiquetado para SEO

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023

Informe SAVES: Cifras básicas do cooperativismo agrario galego

Membros de distintas cooperativas e entidades relacionadas coa Economía Social de Galicia déronse cita esta mañá no Museo do Pobo Galego para participar nun encontro celebrado no marco dunha iniciativa que pretende fomentar e visibilizar o cooperativismo agrario galego e ás súas mulleres. Trátase dunha actividade vencellada ao proxecto SAVES, e que se está a desenvolver entre a Universidade de Vigo e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA).

O Museo do Pobo Galego foi o escenario elixido para a organización da primeira xornada celebrada no marco do 'Informe SAVES das cooperativas agrarias', unha actividade que se está a levar a cabo de maneira colaborativa pola Universidade de Vigo (UVigo) e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), no marco do proxecto SAVES (Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social), unha pioneira plataforma dixital posta en marcha dende a entidade universitaria no ano 2019.

A benvida á xornada correu a cargo de Higinio Mougán, xerente de AGACA, quen salientou a continua colaboración que se leva mantendo dende hai máis de 20 anos entre a asociación que dirixe e a Universidade de Vigo, e destacadamente con unha das coordinadoras do proxecto SAVES, a profesora e investigadora María José Cabaleiro, a quen cedeu a palabra.

Cabaleiro iniciou a súa intervención agradecendo a asistencia a todas as mulleres do auditorio, e presentou a continuación algunhas cifras preliminares que está a arroxar o estudo que está a levar a cabo co seu equipo de traballo sobre a presenza da muller no cooperativismo agrario galego, e que se basea na información depositada polas cooperativas no Rexistro Galego de Cooperativas. Aínda que o traballo non está rematado, algunhas das cifras que se están a atopar convidan ao optimismo. Así, a porcentaxe de mulleres socias de cooperativas do sector agrario en Galiza, segundo os datos recadados, non está lonxe do 50%, e no relativo á representatividade das mulleres nos consellos reitores das entidades, os datos non son tan negativos como se podería esperar, con porcentaxes superiores ao 46%. Non obstante, salientou que existen moitas diferenzas entre cooperativas e tamén entre os distintos sectores de actividade, sendo o lácteo o que parece amosar unha maior paridade, seguido do vinícola. No peche da súa intervención, a investigadora animou ás entidades cooperativas a manter un diálogo directo co equipo do proxecto SAVES para poder implementar e mellorar as ferramentas da plataforma de maneira que esta poida dar resposta ás necesidades do sector.

Higinio Mougán recuperou a palabra a continuación e puxo de manifesto a sorpresa positiva que lle produciron os datos expostos pola profesora Cabaleiro, xa que contrastan coas cifras extraídas polo equipo AGACA da enquisa realizada ás entidades que forman parte desa asociación, particularmente a relativa á porcentaxe de mulleres que integran os consellos reitores das entidades, que segundo o seu estudo é de pouco máis do 22%. Mougán quixo salientar, iso si, que de calqueira das maneiras, as cifras relativas ás mulleres e o agrocooperativismo en Galiza son claramente positivas comparadas coas do conxunto de España, e que hai incluso comunidades autónomas nas que a presenza da muller neste tipo de cooperativas é case anecdótica. Antes de dar paso ás seguintes relatoras, quixo facer reflexionar á audiencia plantexando algunhas cuestións, coma se as mulleres que traballan no sector agroalimentario o fan por propia vontade ou por non ter unha alternativa mellor, ou a que pode deberse a menor presenza de mulleres nos órganos de gobernanza das cooperativas.

Tralas intervencións de Cabaleiro e Mougán tomaron a palabra Loli Calvo, presidenta da asociación Nós, as Mulleres e presidenta da cooperativa Condes de Albarei, e Carmen Rodríguez, presidenta de AGACA e da asociación Mulleres de Seu, e vicepresidenta de CLUN. Ambas teñen unha ampla traxectoria no movemento cooperativista e coincidiron en sinalar que, no camiño que se está a transitar para mellorar a presenza da muller no sector agrario, o máis importante é a formación, a sensibilización, e a posta en marcha de iniciativas encamiñadas a motivar e empoderar ás mulleres, e a facelas conscientes da súa capacitación e importancia dentro do ecosistema cooperativo agrario. Loli Calvo explicou ao público asistente que esa é a base do traballo realizado dende a asociación que preside, Nós, as Mulleres, xurdida no ano 2019 no marco da asociación española. Pola súa parte, Carmen Rodríguez quixo tamén destacar o papel que teñen xogado as súas predecesoras para mellorar a situación das mulleres nas cooperativas, e a responsabilidade que teñen as actuais cooperativistas para ser o espello no que se miren as novas xeracións, e a importancia de sentírense orgullosas do traballo que están a desenvolver para poder espertar así o interese das mulleres que veñen tras elas.

A xornada pechouse cunha sentida homenaxe a Ana Vence polos máis de 45 anos de traballo ás súas costas na cooperativa Campo Capela. Vence fixo un breve repaso da súa carreira ao longo deste case medio século, e puxo de manifesto o enorme cambio que se ten producido na entidade dende a súa chegada, cando era a única muller, ata os tempos actuais, nos que o número de mulleres da cooperativa queixeira supera ao de homes. Concluiu a súa participación salientando que 'Ser cooperativista é un xeito de vida e un xeito de pensar', e que, dado que as persoas sempre imos precisar doutras persoas, a cooperación é algo fundamental.

 

Descargar a nota de prensa

COMPARTE NAS TÚAS REDES