EESCOOP2025
O VIII Congreso Internacional de Economía Social EESCOOP (Escola de Especialización Profesional en Economía Social, Cooperativas e Outras Organizacións de Participación) terá lugar os días 12 e 13 de xuño de 2025 na Illa de San Simón (Redondela). Esta reunión de investigadores vén realizándose desde o ano 1996 en forma de Seminarios de Investigación, pasando a adotar a forma de Congreso Internacional no ano 2016, como consecuencia do interese que espertaban esas reunións, e co ánimo de abrir a participación a investigadores de Universidades doutros países. Organizado nesta ocasión desde a Facultade de Comercio da Universidade de Vigo, pretende ser un lugar de encontro para todas as persoas interesadas na economía social.
Baixo o lema As Empresas da Economía Social: desde a actividade tradicional cara á innovación tecnolóxica e social, preténdese poñer en común as actuais liñas de investigación e as experiencias prácticas que veñen desenvolvendo neste ámbito. Son referencia obrigada as actividades tradicionais vinculadas á economía social, nas que os principios cooperativos permitiron o seu mantemento e desenvolvemento constante, como tamén o son as actividades emerxentes vinculadas ao sector servizos, do que están a xurdir experiencias de éxito propiciadas, entre outros factores, pola innovación tecnolóxica.